A Delegación Territorial de Galicia pon en marcha o proxecto "Xeomática e Café", unha serie de encontros informais con perspectiva de réplica en diversas cidades, cos que se pretende divulgar contidos profesionais, científicos e académicos, fundamentalmente transversais, de interese para o ámbito da arquitectura e enxeñería e, en especial, para a Enxeñería en Xeomática e Topográfica.
O obxectivo é crear sinerxías entre participantes fomentando a multidisciplinariedade nos grupos de traballo e o debate, debuxando estratexias adaptadas aos contextos actuáis de comunicación virtual e de tecnoloxías en constante avance.
Para esta primeira sesión contarase con Marcos Rial Docampo, Graduado en Enxeñería en Xeomática e Topografía e voluntario polo Grupo Agro de Enxeñería Sen Fronteiras (ESF) dende 2016, que nos contará, desfrutando dun bo café, a súa experiencia en cooperación internacional a través do programa "Coñecemento da realidade" promovido por ESF, e a súa estadía no Golfo de Fonseca (Honduras) colaborando en proxectos de soberanía alimentaria e fortalecemento de asociacións locais.
Esperámosvos para este primeiro café, o xoves, 30 de marzo de 2017 ás 12:00 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior en Lugo.